De súpeto, Europa. Non me refiro ao continente, xa que en ningún momento desta experiencia o abandonei. Refírome a esa “idea de Europa” e do que supón para moitos de nós, estudantes Erasmus, que podemos ver e vivir cos nosos propios ollos esa idea, ese concepto.

De súpeto, porque chegou máis rápido do que me esperaba. En decembro de 2015 enviaba todos os papeis para inscribirme como solicitante da beca Erasmus+. No xuño seguinte, o destino estaba confirmado: Maastricht, corazón de Europa e da Unión Europea, cidade do famoso tratado rodeada por tres países, cada un con cadansúas particularidades. Os dous meses, dende ser aceptado no Maastricht Conservatorium ata percorrer as súas aulas, foron do máis fugaces que me podería ter imaxinado. Que tolemia conseguir atopar un lugar onde vivir estando a máis de 1400km! Tanta preparación  previa (buscar casa, voos, necesidades varias, transportes…) pode ser a causa de que o tempo de verán pasase de puntiñas por mi, aínda que, a experiencia, ben vale perder un verán. E agora, no ecuador da miña estancia erasmus, podo dicir que me alegra ter perdido ese verán con tal de ter podido vir a este lugar.

En Galicia e España temos esa sensación case unánime de ser un “país europeo”. Se ben é certo que estamos en Europa e na Unión Europea, a realidade é un tanto distinta dende o punto de vista económico, social e cultural. Non é necesario que fale da gran riqueza económica de países como Alemaña, os Países Baixos ou Francia; nin tampouco da gran avanzadilla en temas sociais dos países nórdicos. Centrareime na cuestión cultural, xa que é a que máis se percibe no día a día. Especialmente sendo un recén chegado. Hai cousas que son evidentemente diferentes, como a lingua (holandés neste caso); pero hai outras que poden pasar máis desapercibidas ou non estar preparado para elas: comer ás 12:30 ou cear ás 18:30, o silencio respetuoso nas rúas e espazos públicos, onde non é doado escoitar a conversa de dúas persoas dende o outro lado da estrada (non como en España), o coidado e limpeza dos edificios e rúas, unha visión máis ecoloxista, diría que por pura necesidade, dos quefaceres cotiás… O que consideraríamos “un país avanzado”. Evidentemente pódense ver cousas malas tamén (non existe ningún lugar perfecto), pero semellan menores ao lado dos que podemos estar acostumados de onde vimos.

maastricht

Pero falemos das cousas boas. Daquelas que nos gustan, que nos motivan e que fan que aprendamos algo. Nos Países Baixos, e en Maastricht específicamente por ser onde eu me atopo, son moitas! Sabía que viña a un país cunha maior tradición artística tras de si, pero en ningún momento me esperaba atoparme co que aquí estou vivindo. E é que esta é unha cidade amante das artes! Unha cidade do tamaño de Santiago de Compostela que cada fin de semana enche o seu fermoso auditorio para asistir aos concertos da súa orquestra sinfónica (cuxa publicidade se pode ver polas rúas e estradas). Un lugar onde o teatro e o cine son esenciais. Nesta cidade cosmopolita, que acolle a milleiros de estudantes e persoas doutros lugares cos brazos abertos, escóitanse gran cantidade de linguas distintas sin que supoña ningún problema, animando a coñecer máis de outras culturas de persoas doutros países e continentes. Persoas cunha mentalidade aberta e curiosa, con ganas de descubrir e facer cousas novas. Se ata existe unha sala pensada para a música contemporánea! Para ser honestos, pensei innumerables veces en non volver xamáis a Galicia. Este ambiente contrasta enormemente coa miña experiencia de anos anteriores, onde resultaba case imposible atopar este mesmo ambiente cultural e de participación, exceptuando unha minoría de persoas comprometidas con realizar novas propostas e proxectos. Unha oportunidade para aprender e traballar por cambialo.

Un dos maiores cambios que puiden ver foi no propio conservatorio. Xa non falarei do feito de que cada aula conte con cadanseu piano de cola ou de que o propio conservatorio forme parte dunha universidade. Para que. Este conservatorio, considerado pequeno (mentres pensaba para os meus adentros “menos mal que non víchedes de onde veño eu…”), é o lugar idóneo para ser un artista, un músico de verdade. Dende a flexibilidade da organización interna (Sendo posible facer a carreira en 3 anos, en lugar de 4), pasando pola vocación internacional do centro (onde máis do 60% dos estudantes somos estranxeiros), o altísimo nivel de profesorado e alumnado, o ambiente motivador, a gran oferta de actividades e concertos, a axuda á promoción e traballo do alumnado por parte do conservatorio, as facilidades para participar en eventos alleos ao conservatorio, e ata a gran participación do alumnado en todo tipo de iniciativas (propias e alleas), fan que sexa relativamente sinxelo poder “facer cousas”. Coa miña experiencia previa, na que case nada disto acontecía (se non había cartos sempre de por medio), lóxicamente o impacto foi maiúsculo. As comparacións son odiosas sempre, pero, cando menos neste caso, a min abríronme os ollos. E creo que este, dun ou doutro xeito, é un dos obxectivos do plan Erasmus+. Abrir os ollos, abrir as mentes e ir máis alá, sen conformarse nin rendirse. Unha experiencia máxica.

IAgo hermo .jpg

Con que me quedo eu logo de todo isto? Son moitas as cousas que omito neste pequeno texto por ser superfluas, moi enrevesadas ou, sinxelamente, innecesarias. Pero si que podo dicir que ser estudante erasmus, dos de verdade, dos que seguen o espíritu de Erasmo de Rotterdam, é unha experiencia que cambia unha vida. No meu caso, eu podo dicir que me cambiou en moitos aspectos, non soamente como estudante, senón como futuro músico profesional e, especialmente, como persoa. No ecuador da miña estancia neste país, aínda non teño claro que será o seguinte (máster neste país? Noutro? Volver a Galicia?). O que si teño claro é que esta experiencia fíxome reflexionar, e moito, sobre min mesmo, sobre o meu futuro, sobre o meu lugar neste mundo global e axetreado; pero tamén me fixo pensar sobre Galicia, España, e por que o que hai aquí non o temos nós. Por que somos tan diferentes como para non dar asimilado as cousas xeniais que acontecen noutros lugares do mundo. En que fallamos. Pero, sobre todo, como melloralo, e que podo facer eu por conseguilo. Que podemos facer todos. Por iso, non podo rematar isto sen animar a toda aquela persoa curiosa, con ganas de descubrir, de vivir cousas novas, de aprender e de pensar, que “se vaian de erasmus”. Non hai forma de arrepentirse de algo así.