Hai moitos anos, revisando unha revista galega editada en Cuba a finais do século XIX, encontreime nun dos números cun artigo, nunha serie dedicada a galegas distinguidas, cunha muller descoñecida para min, Carolina Casanova. Chamoume a atención o seu apelido, similar ao da célebre escritora Sofía Casanova, que residiu en Almeiras (Culleredo) na súa infancia e adolescencia. Intrigado, continuei coa revisión e, nun exemplar posterior, aparecía unha referencia que a relacionaba con Vilaboa, no mesmo municipio. (1)

Tempo despois, -hai case 14 anos- publiquei unha achega á súa figura, naquel momento practicamente descoñecida, con novos datos sobre a súa presenza en Culleredo. (2) A miña contribución quedou afortunadamente superada por unha ampla biografía que preparou a investigadora Mercedes Puyol (que mantivera contacto conmigo) (3), mais trata no seu traballo, de maneira superficial, ese vencello con Vilaboa. Posteriormente, noutro artigo sobre a escritora Emilia Calé Torres, recollín tamén noticias da súa relación con Carolina Casanova en Vilaboa (4), que completei nun relatorio que este mesmo ano ofrecín no Conservatorio de Música de Culleredo, podendo consultar, nesta ocasión, unha biografía publicada en 1880 no xornal ferrolán El Correo Gallego. (5)

Pretendemos, nesta colaboración, profundizar no coñecemento da relación da cantante ferrolá con Culleredo. Mais compre, primeiro, que presentemos a esta muller.

Naceu Carolina Casanova Rodríguez en Serantes (Ferrol), o 10 de xaneiro de 1847. Orfa a idade temperá, a súa vida cambiaría en 1863, cando tiña 16 anos. A historia foi que, tendo previsto representarse, no «Teatro Filarmónico» de Ferrol, unhas funcións líricas, dirixidas por Francisco Piñeiro, músico maior do Departamento de Ferrol, como fose que faltase a primeira tiple, alguén lle falou a Piñeiro de Carolina, que nunca cantara en público. Decidiu o músico facerlle unhas probas, ensaiou a moza uns días e, o día do concerto, recibiu unha grande ovación.

Apareceu despois pola cidade departamental unha compañía de ópera, dirixida por un tal Macucci. Piñeiro, consciente da valía da moza, e sabedor de que para progresar necesitaba mellores mestres, presentoulle a Carolina, que foi aceptada. Macucci encargarase de que, en Francia e Italia, Carolina curse estudos de solfexo, canto e arte dramático. Logo destes anos de formación, debutou nun teatro de Palma de Mallorca. O éxito obtido fixo que a contratase Diestro, un empresario que dirixía o «Teatro Principal» de Valencia.

En torno a 1866 casou co seu mestre de música, o compositor e director Luís Rodríguez Cepeda, adoptando o apelido Cepeda como nome artístico. Con el, iniciaríase unha intensa etapa de máis formación e éxitos.

Non podemos entrar agora polo miúdo na traxectoria artística de Carolina Casanova ata que chega a súa relación con Culleredo, obxecto desta colaboración; remitimos aos artigos antes citados. Diremos tan só que a nosa paisana cantou, ao longo da súa vida, en coliseos como o Teatro de Gotemburgo (Suecia), “Teatro Imperial» de Brasil, «Teatro Principal» (Lima), «Teatro Solís» (Montevideo), «Teatro Real» (Madrid), “Teatro dalla Scala” (Milán), «Gran Teatro Comunal» (Bolonia), «Teatro Regio» (Turín), «Teatro Imperial» (Varsovia), “Gran Teatro del Liceo» (Barcelona), “Teatro Principal” (Barcelona), “Teatro São Carlos» (Lisboa), «Teatro San Fernando» (Sevilla), «Teatro Imperial» (San Petersburgo), “Covent Garden” (Londres), “Apollo” (Londres), “Teatro San Carlo” (Nápoles), “Teatro de la Zarzuela” (Madrid), “Teatro Principal” (Valencia), “Teatro Jovellanos” (Madrid), “Teatro São João” (Porto), “Teatro italiano” (Moscú), “Teatro Cervantes”(Málaga), “Teatro italiano”(París), “Théâtre de la Gaîté” (París), “Théâtre du Vaudeville” (París), “Teatro Principal” (Cádiz), e outros en Dinamarca, Santiago de Chile, Valparaíso, A Habana, Bilbao, Bos Aires, Palma de Mallorca, Santander…

No seu repertorio, figuraron óperas como as seguintes:

De Vincenzo Bellini, La sonnambulae Norma; de Giacomo Meyerbeer: Les Huguenots, Roberto il diavoloeL’Africaine; de Giuseppe Verdi, La traviata, Aida, Il trovatore, Ernani, Rigolettoe Un ballo in maschera; de Filippo Marchetti, Ruy Blas; de Charles Gounod, Faust; de Wolgfang Amadeus Mozart: Le nozze di Figaroe Don Giovanni; de Richard Wagner, Lohengrin e Tannhauser; de Gioachino Rossini, Il barbiere di SivigliaeSemiramide; de Gaetano Donizetti, Il duca d´Alba, María de Rohan, Linda di Chamounix, Poliuto, Don Pasqualee Lucrezia Borgia; de Achille Montuoro, Il re Manfredi; de Jacques Halevy, La juive; de Tomás Bretón: Guzmán el Bueno e Los amantes de Teruel, e de Arrigo Boito, Mefistofele.

Sinalaremos tan só algúns momentoss emotivos na primeira etapa da súa carreira. Un deles foi cando, en 1876, o municipio italiano de Parma preparaba unha grande homenaxe en honor de Verdi, para entregarlle unha medalla de ouro pola súa última obra, a Misa de Réquiem (composta en 1874). Carolina foi contratada para cantar a célebre obra, que foi dirixida polo mestre Franco Faccio, e á que asistiron o futuro rei de Italia, Humberto de Savoia, e a súa dona a princesa Margarita. Tamén, no «Teatro Imperial» de Varsovia, foi a primeira Aida, de Verdi, naquel coliseo.

Representante de Carolina foi o coruñés José Lago González, alcumado «Bismarck o Galego», que chegaría a ser director artístico dos «Teatros Imperiais» de San Petersburgo e Moscova, e ao que consultaban para montaxes de ópera en Londres ou Milán. Levaba tamén os contratos de Julián Gayarre ou Pablo Sarasate. Lago nacera na Coruña o 24-11-1836, fillo de José Lago e Manuela González, na parroquia de San Nicolás. (Partida nº 310).

            Carolina Casanova en Rutis (Culleredo).

Descoñecemos, por agora, cales foron as razóns polas que Carolina Casanova e a súa familia decidiron adquirir unha casa-quinta na parroquia de Rutis (Culleredo), para pasar as tempadas de verán. Foi quizais o citado José Lago quen lles falou deste lugar?

Tampouco sabemos con exactitude cal foi o ano concreto no que se instalaron. As primeiras noticias fidedignas son de 1881: “Hállase desde hace días en su quinta de Vilaboa la célebre tiple, nuestra compatriota, Carolina Casanova de Cepeda, que tantos triunfos obtuvo en el pasado invierno en los principales teatros”. (La Ilustración Gallega y Asturiana, 28-7-1881). Mais a propia noticia fai intuír que xa posuían con anterioridade esa residencia.

Principara este ano co seu debut no Teatro “San Carlo” de Nápoles con Aida. (La Discusión, 5-1-1881). En febreiro, a prensa italiana destaca a ovación que recibiu na “Scala” de Milán na ópera La Traviata.(El diario de Lugo, 10-2-1881). E o 18 de maio cantou no “Teatro Principal” de Barcelona Roberto il diavolo. (Crónica de Cataluña, 19-5-1881).

Neste mesmo ano, unha publicación coruñesa reproduce na súa portada un gravado, da autoría de Román Navarro, cun retrato de Carolina Casanova. Debaixo da ilustración figura un brevísimo poema:

Es en la moderna historia

sol que la escena ilumina

la gloria de Carolina,

de Galicia es una gloria.

(El Domingo, 25-9-1881).

CAROLINA CASANOVA (1881)

Carolina Casanova (1881)

Finalizado o estío, o 3 de outubro, pola mañá, “ha salido de su linda quinta de Vilaboa, acompañada de su esposo é hijos, la célebre diva gallega Carolina Casanova de Cepeda, habiendo tomado en el Burgo el tren correo hasta Lugo. Hoy se hallará ya en Madrid y dentro de algunos días comenzará á recibir aplausos en el gran teatro de Barcelona. La temporada de invierno según contrata, valdrá á la Cepeda 45.000 duros, sin contar los regalos que recibirá. Le deseamos ante todo feliz viaje y después cuantos lauros pueda anhelar. (El Correo Gallego, 5-10-1881). O 31 de outubro cantará no “Teatro do Liceo” de Barcelona, con Julián Gayarre, Lucrezia Borgia. (La Correspondencia de España, 1-11-1881).

De novo contamos coa súa presenza en 1882. Varios soltos de prensa infórmannos que, finalizada a tempada teatral, tiña pensado chegar á súa quinta de Vilaboa, na segunda quincena de xuño, a “soprano dramática” Carolina Casanova, que cantara no pasado inverno en Barcelona e en varios teatros de Italia, recibindo moitos aplausos e obsequios. A eminente diva non esquecía a súa terra natal, “y léjos de buscar descanso y solaz, como tantos otros personajes ilustres en el Pirineo ó en las estaciones veraniegas del extranjero, viene todos los años á refugiarse en su modesto y encantador retiro de las cercanías de la Coruña. Eso más hay que agradecerle”. (El Correo Gallego, 13-6-1882; La Voz de Galicia, 15 e 28-6-1882; La Ilustración Cantábrica, 28-6-1882 e 8-7-1882). Carolina iniciara este ano cantando Huguenotsen Lisboa (La Época, 24-1-1882) e ía cantar en París con Gayarre. (La Época, 9-2-1882).

Transcorre un ano. Estamos en 1883. De novo “nuestra distinguida amiga y paisana la eminente prima donna Carolina Casanova de Cepeda” tiña pensado chegar na primeira quincena de xuño á su quinta de Vilaboa, onde permanecería toda a estación estival, “después de recoger abundantes lauros en los principales teatros de Europa”. Sabemos que arribou antes do 12 de xuño e que aínda continuaba en Vilaboa a finais de setembro, pero estaba previsto que sairía para Madrid uns días despois. (El Correo Gallego, 13-5-1883, 12-6-1883 e 27-9-1883; La Voz de Galicia, 29-5-1883, 12-6-1883 e 26-9-1883; El Diario de Lugo,  31-5-1883). A finais de ano, cantará Lucrezia Borgia, con Julián Gayarre, no “Teatro Cervantes”de Málaga e no “Teatro San Fernando”de Sevilla.

Comezou o ano 1884 co anuncio de que, en breve, estaría no “Liceo” de Barcelona con Roberto il diavolo. Aínda continuaba con estas representacións na primeira decena de febreiro. (La Dinastía, 12-1-1884). Marcha a París, onde canta con Gayarre, no “Teatro Italiano”, Lucrezia Borgia. (La Dinastía, 20-2-1884; Enciclopedia musical, 29-2-1884). Pouco despois anúnciase que fora contratada, no elenco dunha compañía italiana, para cantar no “Liceo” de Barcelona na tempada de Pascua de Resurrección; faríao partir do 10 de maio, para oito representacións, cantando Lucrezia Borgia(La Dinastía, 2-4-1884 e 29-4-1884); tamén ofreceu unha función única de Roberto il diavolo(La Dinastía, 16-5-1884 e seguintes), marchando a comezos de xuño de Barcelona a París. (La Dinastía, 4-6-1884).

Mais non falta á súa cita anual e, a mediados de xuño, xa estaba en Vilaboa para pasar o verán. (El Correo Gallego, 12-6-1884).

JULIÁN GAYARRE (1880)

Julián Gayarre (1880)

Nesta ocasión, producirase na vila cullerdense un acontecemento relevante: a presenza do celebérrimo tenor Julián Gayarre, co que tantas veces compartira escenario a diva ferrolá. Este chegara á Coruña o 5 de agosto, cidade na que tiña pensado pasar uns días antes de partir para cantar en teatros de América do Sur, hospedándose na casa do mestre Sr. Lago. Foi obxecto de visita de diversas comisións e fixéronselle algunhas homenaxes. Ao día seguinte, “fue á la vecina villa de Vilaboa con objeto de saludar á la aplaudida diva Sra. Cepeda”.(La Voz de Galicia, 6-8-1884; El Correo Gallego, 7-8-1884).

Finalizado o verán, na primeira semana de outubro, como xa era habitual marchou Carolina cara París co seu esposo e fillos. (El Correo Gallego, 9-10-1884; La Voz de Galicia, 9-10-1884). Dende había xa anos, a parella tiña unha casa en Auteuil, nos arredores de París.

Chegamos a 1885. Como todos os anos, chega Carolina para disfrutar da beleza de Vilaboa. E o 25 de agosto celebra na súa casa-quinta unha velada literaria e musical, que recolle unha publicación madrileña. (El Correo de la Moda, setembro de 1885).

Vexamos o que dicía a publicación da citada festa:

Pocas han sido las fiestas particulares que han tenido lugar en un verano tan fecundo en tristes acontecimientos, y de todas ellas, solo nos ocuparemos, por tratarse de una celebridad que nos pertenece, de la que tuvo lugar en casa de la Diva doña Carolina Casanova de Cepeda; organizada para celebrar los días de su esposo é hijos: convirtióse su bella quinta de Villa Rutis, cerca de la Coruña, en verdadero eden, con arcos de follaje á la entrada, iluminados los jardines, en los que hubo fuegos artificiales, mientras en los salones, elegantemente puestos, lucía sus relevantes dotes Carolina, la célebre cantante, compañera de Gayarre, que ha compartido con él los aplausos en los primeros teatros líricos: hablar de las piezas que dejó oir los trinos de su privilegiada garganta, daría á estos apuntes mayores proporciones de lo que permite un periódico de esta índole, pero si diremos, que en todas estuvo igualmente inspirada, alternando con ella en mérito la joven pianista Emilia Quintero y Calé, de quien no se olvidará fácilmente la buena sociedad de la corte. Ambas fueron las heroínas de aquella fiesta filarmónica, y en uno de los intermedios, la conocida escritora doña Emilia Calé de Quintero, madre de la joven pianista, leyó la sentida poesía que insertamos á continuación, siendo esta una de las circunstancias que hicieron doblemente inolvidable aquella fiesta.

O poema dedicado por Emilia Calé Torres á súa amiga Carolina Casanova, que xa transcribimos e dimos a coñecer, levaba por título “Á la célebre diva, mi distinguida y cariñosa amiga Carolina Casanova de Cepeda”:

¡Bendito, Carolina, el venturoso instante

en que cual bello astro tu nombre apareció!

¡Bien haya el feliz día en que divino el genio

con sus brillantes alas tu cuna circundó.

 

Tú eres el grato ensueño de rica poesía,

que en realidad conviertes para guardarlo en ti.

Tu voz dulce y extraña revela en cada nota

que el coro de los ángeles copiarse puede aquí.

 

Tú cantas, y las aves que trinan en la selva

suspenden sus cantares al escuchar tu voz;

guiadas del reclamo de tu divino acento,

hasta tu planta vuelan en su girar veloz.

 

Por ti dejan su cuna las aromadas flores

para rendirte culto, do quiera que tú estés;

y son la hermosa ofrenda que á ti llega á porfía

en ondas de fragancia, y alfombras de tus piés.

 

Por ti nácares guarda, y perlas y corales

el fondo de esos mares que encubre leve tul,

para brindarte el hombre las esplendentes galas

con que ciñen sus sienes las hadas de Stambul.

 

Por ti la sierra tiene en su profundo seno

diamantes que algún día para tu frente son.

¿Qué más quieres, en suma, si diosa eres del Arte,

y ante su altar se postra absorta la creación?

 

Si en tu anhelada gloria mayor dicha reclamas,

si aún hallas tanto espacio pequeño para ti,

contempla de la historia las páginas de oro,

tu nombre, Carolina, verás escrito allí.

 

Que si afanosas bordan aves, flores y perlas

la senda deslumbrante que aquí debes seguir,

en hojas inmortales que el tiempo no deshace,

cercado de laureles tu nombre ha de vivir.

 

Hoy de mi tosca lira la humilde flor acoge,

haz que reviva siempre al fuego de tu sien;

y en ese nido amante de tus afectos dulces,

unida con mi nombre, consérvala también.

EMILIA CALÉ TORRES DE QUINTERO.  Quinta de Villa Rutis, 25 de agosto de 1885.

Neste ano, semella que Carolina prolongou un pouco máis a súa estada en Vilaboa, xa que marcharía cara París o 25 de outubro. (El Correo Gallego, 25-10-1885). O certo é que en decembro fixo varias funcións de Lucrezia Borgia, no “Teatro Real” de Madrid, con Julián Gayarre. (La Época, 20-11-1885; El Correo Militar, 9-12-1885). Parece que tamén actuou con este tenor no “Teatro Principal” de Valencia.

En 1886, antes de regresar a Culleredo, Carolina cantara, no mes de xaneiro, no “Teatro Real”de Madrid, Lucrezia Borgia, con  Julián Gayarre. Sábese igualmente que en maio estaría, de novo con Gayarre, no “Covent Garden” de Londres (La Época, 6-5-1886) onde cantarían Un ballo in maschera(La Correspondencia de España, 11-6-1886) e Lohengrin(El Día, Madrid, 18-7-1886). E no rol de “dona Ana”, cantou Carolina Don Giovanni, de Mozart. (El Correo Gallego, 3-7-1886). Estes compromisos fixeron que a familia retrasase a chegada á súa quinta de Vilaboa ata osprimeiros días de agosto. (La Voz de Galicia, 30-7-1886 e 8-8-1886; El Correo Gallego, 29-7-1886, 15-8-1886 e 6-10-1886; Crónica de Pontevedra, 30-7-1886).

Por unha noticia puramente adminstrativa (unha carta detida na oficina de Correos de San Fernando), sabemos que o enderezo da súa casa era Vilaboa, nº 13.

O 15 de setembro, convidado pola familia, foi a almorzar á súa casa quinta de Vilaboa o eminente artista Pablo Sarasate: “Esperamos que el rey de los violinistas vendrá satisfecho de lo hermoso de aquel pintoresco país”. (El Lucense, 15-9-1886). (Estes días, Sarasate, co sexteto de Arche, daría varios concertos na Coruña, Vigo e Santiago).

PABLO SARASATE.jpg

Pablo Sarasate

Na primera semana de outubro. Carolina e a súa familia partiron cara París. Durante a primeira parte da tempada tiña previsto cantar no “Covent Garden”, e na segunda no “Apollo”, ambos os dous de Londres. (La Voz de Galicia, 7-10-1886; Crónica de Pontevedra, 8-10-1886).Finalizando 1886, en novembro, canta no «Teatro Cervantes» de Málaga Huguenots(La Correspondencia de España, 19-11-1886) e pouco despois repite a mesma ópera en Cádiz.

Outra volta documentamos a súa presenza en 1887. Noticias de prensa informan a finais de maio que Carolina, “aplaudida prima donna y distinguida paisana nuestra”, chegara a Londres, onde estaba contratada para cantar unha serie de óperas no “Covent Garden” [unha foiSemiramide]; unha vez finalizados os seus compromisos profesionais, viría a pasar o verán, “como todos los años, á su hermosa quinta de Vilaboa”. (La Voz de Galicia, 26-5-1887). Chegaría tamén nesta ocasión a finais de xullo-comezos de agosto, logo de rematar con grande éxito as súas actuacións (El Correo Gallego, 29-7-1887), abandonando Vilaboa na primeira semana de outubro con destino a París. (El Correo Gallego, 9-10-1887; Crónica de Pontevedra, 14-10-1887). Logo cantaría no “Covent Garden”. En novembro, canta no “Liceo” de Barcelona Huguenots; con este obxecto, saiu de París, cara Barcelona, o día 9 de novembro. (La Dinastía, 9-11-1887). Desta ópera realizaríanse varias representacións; a última, o 29 de novembro. (La Dinastía, 17-11-1887). Por noticias deste mesmo mes, coñecemos que fora contratada polo “Teatro Real” de Madrid (La Época, Madrid, 19-11-1887), cidade á que chega a comezos de decembro, tendo previsto cantar Roberto il diavolo. (La Época, 3-12-1887). E a finais de ano volve á “Scala” de Milán.

Logo dun inicio do ano 1888 no que estaría, en marzo, no “Teatro Real” de Madrid con Aída, e en maio Lohengrin no “Liceo” de Barcelona (La Dinastia, 4-5-1888), Carolina regresa a Rutis. Nesta ocasión, sería visitada o domingo 2 de setembro, na súa casa, polo Orfeón coruñés El Eco, co obxecto de obsequiala executando algúns coros. A razón fora que Carolina, logo de ter escoitado e aplaudido a algúns membros do citado coro nunha xira que fixeran a Vilaboa, expresara “vivos deseos de oir á la dicha sociedad coral en masa”. (La Voz de Galicia, 1-9-1888).

Finalizado o verán, no tren correo do 7 de outubro saiu da Coruña cara París, xunto coa súa familia, “que ha pasado este como todos, la temporada de verano en su preciosa quinta de Villa-Rutis”. De París iría logo a Rusia, onde cantaría no inverno. (Crónica de Pontevedra, 9-10-1888;La Voz de Galicia, 9-10-1888, Gaceta de Galicia, 10-10-1888).

Trascorre outro ano. Estamos en 1889. En xaneiro a prensa salienta o seu éxito con Lucreziae o seguro triunfo que lle agarda con Norma, en Cádiz. En marzo canta no pazo de Isabel II en París, convidada pola raíña (La Correspondencia de España, 15 e 17 marzo 1889) e é contratada para cantar a fins de abril no “Théâtre de la Gaîté” de París. (La Correspondencia de España, 1-4-1889). Regálalle en maio unha pitilleira a Julián Gayarre (dedicada o 26-5-1889) e interpretaobras de Gounod nunha velada española no “Théâtre du Vaudeville” de París. (La Época, 15-7-1889).

A prensa galega faise eco destas actuacións: “escriben de París que la Cepeda, notable diva ferrolana, está haciendo las delicias del público en el teatro del Vaudeville…”, indicando que era agardada na Coruña a mediados do mes de agosto, “pasando la estación veraniega en su hermosa quinta de Villa de Rutis”. (El Regional, 4-8-1889).

Sabemos que, entre o 5 de novembro e o 7 de decembro deste ano, coñecería en Cádiz ao compositor Camille Saint-Saëns. Ela actuaba no “Teatro Principal” (cantou co tenor galego Ignacio Varela Faust), e o músico francés viñera descansar no sur da Península e nas Canarias. (La Monarquía, Madrid, 23-4-1890). Pouco despois, no mes de decembro, falece o seu esposo en Madrid. (La Voz de Galicia, 20-12-1889).

Esta de 1889 é a última noticia fiable, polo de agora, sobre a súa relación con Culleredo. Cabe a posibilidade, sen embargo, de que regresase en 1890, xa que por un solto sabemos que, acompañada dunha filla, saíra Carolina da Coruña cara Madrid. (El Regional, Lugo, 23-9-1890). É posible, logo, que aínda estivese en Vilaboa, quizais xa coa idea de desfacerse da casa. Tamén varias noticias de outubro e novembro de La Voz de Galiciafalan de que Carolina viría á Coruña cunha compañía de ópera en novembro, mais ao final non foi posible, porque tiña contrato nesas datas no Porto.

A súa carreira polos teatros de Europa estaba finalizando: Los amantes de Teruel, en Santander; Normae Les huguenots, no “São João” de Lisboa;Lucrezia Borgia en Madrid…., serían o seu epílogo.

Quedaban atrás tantas veladas operísticas con Julián Gayarre, con Adelina Patti (coa que cantara no “Covent Garden”), con Roberto Stagno, con Francesco Uetam, entre outros grandes artistas.

ADELINA PATTI (ca. 1869).jpg

Adelina Patti( ca. 1869)

En 1891 obtén praza de profesora de canto no Conservatorio de Madrid, sendo titular dende 1892. Ao ano seguinte, canta algunhas pezas galegas na inauguración do “Centro Gallego” de Madrid (acto no que participaron, entre outros, Manuel Becerra, Varela Silvari, Curros Enríquez, Emilia Pardo Bazán…) (El Regional, 19-3-1893).

En torno a 1900-1901 volve casar, neste caso co tenor galego Miguel Campo Herbella, 13 anos menor cá ela, que morrería en torno a 1907.

Carolina falece en Madrid, cidade na que repousan os seus restos mortais, o 8 de febreiro de 1910.

Tres lustros despois, en 1926, comprobamos como aínda se gardaba lembranza da súa casa-quinta en Vilaboa. (El Pueblo Gallego, 26-11-1926).

SINATURA DE CAROLINA CASANOVA 1892.jpg

NOTAS BIBLIOGRÁFICAS

(1): ”Gallegas distinguidas. VIII. Carolina Casanova de Cepeda”, Galicia Moderna, ano II, nº 36, A Habana, 3-1-1886, páxs. 1-2; “Gallegas distinguidas. VIII. Carolina Casanova de Cepeda. II”, Galicia Moderna, ano II, nº 37, A Habana, 10-1-1886, páxs. 1-2; “Gallegas distinguidas. VIII. Carolina Casanova de Cepeda. Apéndice”, Galicia Moderna, ano II, nº 38, A Habana, 17-1-1886, páxs. 1-2.

(2): “Carolina Casanova: unha célebre cantante de ópera en Vilaboa», Revista das Festas de Vilaboa, Vilaboa (Culleredo), 2004.

(3): “Carolina Casanova de Cepeda, una soprano ferrolana en el mundo de la ópera”, FerrolAnálisis, nº 26, 2011, pp: 67-87. Pódese descargar en

http://www.clubdeprensadeferrol.com/pdf/fa26_05.pdf

(4): “Emilia Calé Torres Sanjurjo e Culleredo: dous poemas dedicados a Rosalía de Castro e Carolina Casanova”. Publicado o 4-12-2014 en:

http://www.terraetempo.gal/artigo.php?artigo=3682&seccion=13

(5): “Variedades. Carolina Cepeda (continuará)”, El Correo Gallego, ano III, n.º 453, Ferrol, 7-2-1880, páx. 3; “Variedades. Carolina Cepeda (continuación)”, El Correo Gallego, ano III, n.º 454, Ferrol, 8-2-1880, páx. 3; “Variedades. Carolina Cepeda (conclusión)”, El Correo Gallego, ano III, n.º 456, Ferrol, 12-2-1880, páx. 3.

FONTES HEMEROGRÁFICAS

Crónica de Cataluña, Barcelona.

Crónica de Pontevedra, Pontevedra.

El Correo de la Moda, Madrid.

El Correo Gallego, Ferrol.

El Correo Militar, Madrid.

El Día, Madrid.

El Diario de Lugo,  Lugo.

El Diario de Vigo, Vigo.

El Domingo, A Coruña

El Lucense, Lugo.

El Pueblo Gallego, Vigo.

El Regional, Lugo.

Enciclopedia musical, Barcelona.

Gaceta de Galicia, Santiago.

Galicia Moderna, A Habana.

La Correspondencia de España, Madrid.

La Dinastía, Barcelona.

La Discusión, Madrid.

La Época, Madrid.

La España Artística, Madrid.

La Ilustración Cantábrica, Madrid.

La Ilustración Gallega y Asturiana, Madrid

La Monarquía, Madrid.

La Voz de Galicia, A Coruña.

 

Carlos Pereira Martínez (Montevideo, 1959) é Historiador do Concello de Culleredo, poeta e artista plástico. Licenciado en Xeografía e Historia pola UNED. É membro de entidades como a Sociedad Española de Estudios Medievales, da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, da Asociación Cultural Estudios Históricos de Galicia ou da Asociación de Xenealoxía, Heráldica e Nobiliaria de Galicia. Forma parte do Comité científico da revista Anuario Brigantino do Concello de Betanzos e foi presidente da Asociación de Artistas Plásticos Galegos (ARGA). Tamén foi un dos integrantes do colectivo poético Os habitantes do lago e un dos fundadores do grupo de teatro Maiolongo de Culleredo (1976).  Ten publicado máis dunha ducia de libros e en torno a 150 artigos.