De entre o patrimonio organolóxico galego destacan poderosamente os órganos. Eses instrumentos, na súa maior parte mudos, tiveron no seu momento unha importancia central na vida musical do noso país. Pero a súa importancia é sobresaínte: aqueles instrumentos máis antigos, do século XVIII, conforman a máis destacable colección de instrumentos históricos que hai na nosa terra.

O seu desuso como instrumento litúrxico a consecuencia, primeiro da desamortización no século XIX e, posteriormente, dos cambios operados na estética e orientación da liturxia no século XX, a escaseza de organistas que os tocaran, de organeiros que os cuidaran e outros avatares históricos, fixeron que moitos deles se perderan irremisiblemente e outros ficaran tristemente calados ata practicamente a actualidade. Nas últimas décadas fóron varios os proxectos para a restauración de órganos históricos que se levaron a cabo en Galicia. O groso dos instrumentos fican aínda así nun completo estado de abandono e falta de coidado.

1.jpg

Foto 1. Os órganos do antigo mosteiro de Vilanova de Lourenzá, dous execelentes exemplares de mediados do século XVIII.

Neste artigo faise unha rápida achega a un dos elementos clave na protección dos órganos como elementos do patrimonio histórico: a confección de inventarios e catálogos que permita ter control da existencia e do estado destes instrumentos. En particular, centrarémonos na experiencia iniciada hai anos, se ben inconclusa, arredor da catalogación dos órganos históricos de Galicia, facendo unha pequena aproximación aos obsectivos e á metodoloxía empregada, así como ao estado da cuestión da protección dos órganos en Galicia, e aportando algúns resultados preliminares dunha iniciativa que, dez anos despois, fica aínda incompleta.

I. O proxecto de catalogación: como nace?

Aló polo verán de 2007, un grupo de persoas relacionadas co mundo da música antiga, do Dereito, dos órganos e da organería, comezamos poñer en común as nosas preguntas e inquedanzas en relación á situación dos órganos en Galicia.[1]

Cantos órganos había en Galicia, onde estaban, como se conservaban? Ningún de nos tiña noticia nin foi quen de averiguar nada ao respecto, pois eran escasas as informacións e estudos publicados ao respecto, tan só algúns artigos illados, un estudo parcial dos órganos da provincia de Lugo, outro en Ourense moi somero, e un incipiente rexistro dos órganos, tamén da provincia de Ourense, promovida por alumnos de órgano desa mesma cidade baixo a dirección de Marisol Mendive.

2.jpg

Foto 2. A inquedanza polos órganos “redescubriu” instrumentos de grande relevancia histórica, como o órgano do Santuario de Abades (Silleda), conservado no seu estado orixinal e obra do organeiro galego frai Felipe de la Peña (1793).

A partir destas primeiras reflexións sobre o estado da cuestión do patrimonio organístico, o equipo de traballo comezou a pensar na necesidade de facer unha primeira aproximación á realidade organística para determinar, a grosso modo, o número aproximado de órganos que podía existir en Galicia, a súa localización no mapa e facer unha ficha inicial moi sinxela de cada instrumento, que servise de base para traballos posteriores de catalogación cunhas pretensións, metodoloxicamente falando, maiores.

A partir de aí o grupo comezou a traballar no establecemento desa metodoloxía concreta de traballo para a elaboración dun inventario que permitise ter constancia dos bens que existían e do seu estado e necesidades, como primeira medida para a súa protección. É preciso ter en conta que este sector do patrimonio histórico ten unhas características específicas moi especiais que o diferencian do resto dos bens históricos, pois nel se entrecruzan dous elementos básicos que van inescindiblemente unidos: un material, a caixa e o instrumento que está no seu interior con todos os seus elementos, e outro inmaterial, o son propio de cada instrumento.

Feito un primeiro inventario preliminar e unha vez desenvolta esta metodoloxía específica para unha catalogación xa mais completa dos órganos o proxecto, foi presentado, en 2008, á entón Consellería de Cultura de Deporte que sería a encargada de inicialo.[2]

II. Por qué un inventario?

A realización dun inventario ten que ser enmarcada no contexto máis amplo da protección dos bens culturais. Nese sentido xorden as primeiras preguntas: por que se protexen os chamados bens culturais? Que necesidade hai de facelo?

A protección dos bens culturais se fundamenta na idea comunmente aceptada de que os individuos só poden realizarse plenamente nun entorno que os vincule co seu pasado. Por iso a protección dos bens históricos, do legado doutras épocas non é unha finalidade en sí mesma considerada, senón un medio para procurar aos individuos ese marco no que poder desenvolver a súa personalidade. Con iso, elimínase a idea vixente noutras épocas de que os bens se protexen porque son fermosos, ou valiosos polos seus valores materiais ou calidade dos mesmos, criterios todos eles esteticistas e, polo tanto, cambiantes segundo o momento no que se toman en consideración.

Os bens protéxense porque con isto se posibilita unha convivencia máis directa co pasado, coa nosa aportación á historia da civilización e iso fai que as persoas poidan desenvolverse mellor como tales, nun marco no que podemos entender mellor que somos e de onde vimos.

4.jpg

3

 

Fotos 3 e 4. O interese dun instrumento, como testigo dunha época, é independente do seu estado de conservación. Á dereita, o órgano da Igrexa da Universidade (Santiago de Compostela), obra de Manuel Sanz (1801) e restaurado no ano 1999. Á esquerda a caixa e parte do mecanismo do realexo (pequeno órgano) da igrexa do mosteiro de Xunqueira de Espadañedo, obra tamén de frai Felipe de la Peña (Foto: Damián Varela). Unha parte substancial dos caños e elementos decorativos da caixa consérvanse aínda. A unión do coñecemento técnico e histórico que se ten sobre este instrumento e o seu constructor, ao relacionalo co do Santuario de Abades, proporciona unha solida  que permitiría a súa restauración .

Como consecuencia destas ideas o propio concepto de patrimonio foi sufrindo ampliacións sucesivas, integrando bens que noutras épocas non terían tal consideración como o patrimonio industrial, etnográfico ou científico. En épocas nas que o patrimonio se protexía porque era fermoso, grandioso, estéticamente acertado, bens como fábricas, elementos da tradición dos pobos, aparellos científicos doutras épocas, etc., quedaban fóra dos sistemas de protección.

Esta idea é importantísima para comprender a esencia do sentido da protección dos órganos, uns bens que forman parte do concepto de patrimonio histórico, non polo seu significado como obras de arte fermosas, grandiosas pola súa dimensión, espectaculares, ou a nobleza e valía dos dos materiais empregados na súa construcción, senón porque se trata de bens axeitados para a consecución dun fin fundamental nun estado de cultura: o coñecemento do noso pasado musical, da nosa contribución á historia da música.[3]

III. Inventarios e catálogos como medidas para a protección dos bens do patrimonio

Hoxe en día, a protección dos bens culturais, está orientada fundamentalmente á conservación dos mesmos no seu estado orixinal, facilitando aquelas condicións que permiten conservar o ben o maior tempo no estado no que se atopa e evitando todas aquelas medidas que supoñan unha intervención directa nos bens, unha agresión, en suma. Por iso teñen importancia primordial as chamadas medidas de conservación preventiva, que axudan a manter os bens en condicións aptas para evitar o seu deterioro e antes de que este comece a producirse.

Entre esas medidas de conservación preventiva están aquelas que axudan a controlar os factores externos que afectan á conservación dos bens: control das condicións de humidade, temperatura, etc. Pero tamén aquelas medidas que proporcionen un exacto coñecemento dos bens, do estado e condicións nas que se atopan, aquelas que permiten coñecer a súa realidade antes de emprender ningún tipo de medida que poida alteralas de maneira irreversible. Hai que ter en conta que o descoñecemento dos bens, o descontrol sobre a súa existencia e o seu valor, son o principal perigo e ameaza de destrución. E precisamente para iso se empregan os catálogos e inventarios de bens, para ter control dos mesmos como medida primeira de protección antes de emprender ningunha outra medida.

De aí que o equipo de traballo conformado para ocasión xulgara de primeira necesidade, facer un primeiro inventario dos órganos nos que se constatase o número exacto, a localización, descrición e estado de conservación, ameazas, e unha primeira valoración sobre o valor dos bens e a proposta de medidas concretas de urxencia que evitasen o seu deterioro.

 IV. En resumo: por que era preciso un catálogo do patrimonio organístico?

Tendo en conta o explicado, a necesidade de catalogar os bens do patrimonio organístico galego respondía, ás seguintes necesidades :

-A necesidade de coñecer o número exacto de órganos en Galicia e de ter datos sustanciais sobre eles e o seu interese histórico-artístico.

-A necesidade de valorizar estos bens, de tomar conciencia do seu valor, tanto por parte da Administración como dos propietarios do bens e dos cidadáns en xeral.

-A necesidade de establecer criterios uniformes de intervención nos bens. É preciso ter en conta que ata ese momento e aínda hoxe se siguen levando a cabo accións illadas nos órganos, sen coordinación, sen control, con total disparidade de criterios, e con total descoñecemento dos criterios que rixen no contexto da restauración de bens culturais a nivel internacional.

-A necesidade de poñer fin a supostas operacións de restauración que, en realidade, supuxeron violentas e irreversibles agresións nos bens.

-A necesidade de poñer fin ao proceso de deterioro e destrucción en xeral dos órganos.

5.jpg

Foto 5. A catalogación inclúe tamén o rexxistro de órganos dos que practicamente non resta nada. Na imaxe, o que resta  do órgano da igrexa de Santa Maria de Melide, cun membro do equipo de restauradores traballando nel.

En resumo, para o equipo de traballo, a primeira das accesións que era, preciso emprender era, sen lugar a dúbida, a catalogación e difusión dos valores do patrimonio organístico. O seguinte paso era atopar unha metodoloxía axeitada, que permitise ter en conta as particularidades deste tipo de bens.

 V. A metodoloxía da catalogación

O proceso de catalogacion dos órganos históricos de Galicia desenvolveuse en varias fases sucesivas que implicaron, á súa vez, a realización paralela de varias accións co obxectivo de poñer en marcha os tres obxectivos básicos que estaban na súa base: o da protección, a difusión e a educación.

– Nunha primeira fase preliminar, como xa mencionamos, foi preciso facer un primeiro listado de urxencia e localización dos órganos mediante un traballo de campo que implicaba desplazarse alí onde o equipo coñecía ou sospeitaba a existencia dun órgano, para facer unha primeira ficha de inventario sobre a que comezar a traballar.

-A continuación procedeuse á formación de catro equipos de traballo: un equipo de coordinación que ademáis sería o encargado de rexistar o son dos instrumentos, un equipo de restauradores encargados do estudo das caixas dos instrumentos, un equipo de organeiros encargados do estudo da maquinaria interna e un equipo de documentación audiovisual.

-Estes tres equipo levarían a cabo os traballos de campo, estudo e documentación de cada órgano para a elaboración dunha ficha tipo cos seguintes contidos: descrición dos bens  (e recollida de datos relevantes como datación, autor, marcas…), valoración do seu estado, ameazas, danos, valoración do ben e o seu interese histórico, valoración das intervencións sobre os mesmos e proposta de medidas concretas de protección.

-Paralelamente  levaronse a cabo accións de divulgación e de sensiblización de cara á sociedade e aos propietarios dos órganos sobre o seu valor e importancia. Ao tempo tratábase de captar e formar novos públicos para a música de órgano e traballar no establecemento das condicións necesarias para fomentar profesionais da organeiría e organistas.

-Outra das accións paralelas que se iniciou daquela e continuou unha vez paralizado o proxecto e continúa na actualidade son os traballos de documentación histórica, esenciais para o coñecemento dos bens e para orientar calquera tipo de intervención que sobre eles se pretenda levar a cabo.

VI. As primeiras conclusións do proxecto

O proxecto de catalogación quedou en suspenso desde 2010 por falta de financiación quedando sen catalogar aproximadamente o 50% dos órganos de Galicia, que correspondían ás dioceses de Santiago e Tui-Vigo. O equipo de coordinación continuou traballando na catalogación illada dalgún órgano, como o dos santuarios da Escravitude, por petición da Consellería de Cultura, ou de Abades, por iniciativa propia.[4]Tamén levando a cabo traballos de investigación de arquivo e publicacións,[5]así como outras accións de difusión a través de ciclos de concertos como o Festival de Lugares e Órganos, Espazos Sonoros ou O órgano da Compañía. Como xa dixemos anteriormente, Arcebispado de Santiago levou a cabo a catalogación desta diocese cunha metolodoxía diferente. A contabilidade dos instrumentos, a data de hoxe, arroxa unha cantidade de 96, sumando órganos históricos (os más antigos son de comezos do século XVIII) e modernos.

A pesares de quedar o traballo por concluír, dos traballos realizados polo equipo de catalogación podemos tirar importantes conclusións sobre o estado da cuestión, que deben orientar futuras intervencións e accións sobre os órganos galegos.

-En primeiro lugar temos que  reiterar a situación de absoluto descoñecemento do valor e abandono en que se atopa o patrimonio organístico por parte da Administración e dos seus propietarios, o que conleva en moitos casos, un deterioro grave e irreversible, incluso, risco grave de desaparición de bens de elevado interese.

-Tamén, hai que remarcar a nula atención que se presta á conservación preventiva, incluso en bens nos que se invertiron grandes cantidades de diñeiro na súa restauración.

-Observamos, por outra parte, unha total ausencia de unidade en canto aos criterios de intervención nos diferentes bens, incluso de control por parte da Administración e ausencia de planificación das intervencións en función da súa urxencia. Esto fai que sexan frecuentes incontroladas intervencións sobre os órganos e supostas restauracións por parte de persoas sen criterio nin coñecementos acreditados, intervencións que supuxeron, en ocasións o deterioro irreversible, mesmo desaparición de importantes bens. Neste senso tivemos tamén noticia da destrución indiscriminada de órganos até épocas ben recentes.

6.png

Foto 6. A restauración que no seu día se fixo do órgano de Santa María de Iria Flavia (Manuel Sanz e Eugenio González, 1777), é un exemplo de boas prácticas, e volta dun instrumento á esencia orixinal plantexada polos seus creadores.

-Por outra parte puidemos comprobar que o desuso, en xeral dos órganos, constitúe un grave risco para os bens provocado, en xeral, pola falta de organistas ou do uso na liturxia.

-Entre as conclusións alentadoras ás que chegou o noso estudo foi a constatación da existencia de exemplares valiosísimos de órganos históricos en Galicia, algúns deles practicamente sen alterar o seu estado orixinal, algo de importancia fundamental, e que poderían seren restaurados. Esto, unido ás amplas potencialidades do patrimonio organístico galego: desenvolvemento dun turismo sostible arredor deste patrimonio, fomento de novas vocacións e xeración dunha industria e de postos de traballo vecellados aos oficios de organista e organeiros, fai que continúe a ser inexcusable completar o catálogo dos órganos galegos e trazar a bases para planificar a súa conservación e recuperación.

-As investigacións de arquivo, combinada coa redescuberta destes instrumentos históricos, están a confirmar a existencia dende alomenos o século XVI de talleres de organeiros, de gran pericia, que non só construíron instrumentos para as catedrais, mosteiros e igrexas de Galicia, senón que tamén para outros templos fora da nosa comunidade. Algúns dos órganos máis antigos que restan, do século XVIII, foron feitos por estes artesáns galegos, dos que até o de agora non se sabía case nada.

7.jpg

Foto 7. Restan en Galicia aínda órganos históricos, practicamente no seu estado orixinal, que están á espera dunha restauración respectuosa, como é o caso do da igrexa de San Lourenzo (antigo convento franciscano), en Santiago de Compostela, de fins do século XVIII.

Mª Belén Bermejo López, doutora en dereito e xestora cultural en Sirgo Torcendo S.L.

Andrés Díaz Pazos, doutor en ciencias físicas e profesor de música dCPI Camiño de Santiago” (O Pino, A Coruña).

 [1]Neste sentido temos que facer mención do Dip. Ing. Herbert Kuen, construtor de instrumentos de tecla antigos e membro da comisión de expertos en organería histórica da diocese de Innsbruck (Austria), como a persoa que deu impulso a este proxecto ao nos poñer en contacto coa realidade organística europea, contacto do que xurdiu o noso interese por abordar a cuestión desde a perspectiva galega.

[2]Cumpre avanzar aquí que o proxecto quedou inconcluso, pois só se catalogaron as dioceses de Lugo, Mondoñedo-Ferrol e Ourense. Recentemente, o departamento de Música Sacra do Arcebispado de Santiago de Compostela, promoveu e completou un inventario dos seus órganos, con metodoloxía diferente á que se explica neste artigo. O froito de dito traballo pódese consultar en  O. VALADO, E. CAMPUZANO e M. CELA. El órgano en la Archidiócesis de Santiago,Arcebispado de SAntiago (2017).

 

[3]Sobre a protección dos órganos como bens do patrimonio histórico véxase, C. BARRERO RODRÍGUEZ, “El órgano: propiedad y tutela”. El órgano español. Actas del III Congreso Nacional del Órgano Español, Sevilla, Fundación Focus-Abengoa, 2000.B. BERMEJO LÓPEZ, A. DÍAZ PAZOS, C. AMOEDO SOUTO, “Los órganos históricos y las dificultades de determinación y protección del patrimonio cultural musical “. El valor cultural de la música.Punto de partida para el estudio del patrimonio musical, Reyes Marzal Raga (Editora), Aranzadi, 2016, pp. 85-102; B. BERMEJO LÓPEZ, A. DÍAZ PAZOS,“La protección del patrimonio organístico: reflexiones a la luz de los trabajos de catalogación desarrollados en la Comunidad Autónoma de Galicia“,Revista Patrimonio Cultural y DerechoNº. 20, 2016, pp. 101-149.

 

[4]Sobre este instrumento publicouse un artigo na revista dos socios do Museo do Pobo Galego: DÍAZ PAZOS, A. e BERMEJO LÓPEZ, M.B. O órgano do santuario de Nosa Señora dos Desamparados de Abades e algunhas notas sobre a súa historia até os nosos días”. Adra9, 2014, pp. 57-75.

 

[5]Amáis do anteriormente citado: DíAZ PAZOS, A. “O órgano da ex-colexiata de Iria Flavia”. Compostellanum,Vol. LX, Nº1-2, 2015, pp. 239-294; DIAZ PAZOS, A. “El “Quadernillo de musica y cifra del convento de Nuestra Señora de Prado”. Una nueva fuente manuscrita de música en cifra de órgano de fines del siglo XVII o comienzos del XVIII”. Nasarre, Vol. 32, 2016, pp. 51-81.  Estes artigos, xunto con outras publicacións que tamén conteñen información sobre os órganos de Galicia, están dispoñibles para descarga na rede en   https://independent.academia.edu/AndresDiaz46

.

Anuncios