Nicolás Gomez Naval (Viveiro. 1990) é actualmente  trompa da OSG desde xaneiro de 2015, e trompa tutti da Royal Stockholm Philharmonic con anterioridade. Recibiu premios en concursos a nivel internacional en países coma Rusia, Alemania ou Italia, ademáis de España. Licenciado no CSM da Coruña con matrícula de honra no recital de fin de carreira, tamén foi becado para estudar na Escola Superior de Música Reina Sofía de Madrid e na Royal Academy of Music de Londres.

Boas tardes, Nicolás. Queremos felicitarche antes de nada pola túa  carreira e premios recentes . Moitas grazas por falar para SYMPHONIA.

Gracias a vós, é un placer para min.

Cóntanos como foron os teus inicios na trompa. Era o instrumento que desexabas tocar ou cando eras neno ou preferías algún outro?

A verdade é que non sabía que quería tocar. Tiña en mente a flauta traveseira pero non estaba convencido de todo. Cun pouco de axuda de meu tío Hernán, quen me explicou que a trompa íame dar mais alegrías, decidinme por ésta. Hoxe en día, non me arrepinto…sinceramente non me vexo tocando a flauta, nin outro instrumento que non sexa a trompa.

¿Qué é o que máis te atrae da túa especialidade e  qué é o que menos? 

O que mais, o son do instrumento así como a súa polivalencia. É o instrumento de transición da orquestra, une todas as seccións debido ás posibilidades tímbricas que ten. Pode soar brillante e forte empastando cos metais, e tamén pode facelo doce e lírico e mimetizarse entre as madeiras e cordas. Pero é que demais ten un importante carácter protagonista na meirando parte da música, sobre todo a partir de fináis do clasicismo, aínda que xa algunha vez con anterioridade. É raro que nun concerto non haxa un solo de trompa relativamente exposto.

O que menos, o desagradecido que é. Dado que ten moito rexistro, e emprégase unha boquilla moi pequena, a súa dificultade elévase moito. Dominar todo o rexistro por igual é prácticamente imposible, por eso non é de estrañar que nos especialicemos en rexistro grave ou agudo, dependendo da preferencia. Cando comezas co instrumento, non che din esto, e atópaste con dificultades que outros instrumentos non teñen e, como consecuencia, o avance é infinitamente mais lento. Por eso creo que é un instrumento moi desagradecido, hai que dominalo a un nivel moi alto para conseguir un resultado óptimo.

Descríbenos a vida musical no Norte. Como é o ambiente musical de Viveiro? Por que crees que saen de alí grandes talentos?

Non sei agora porque estou desconectado de Viveiro, pero cando eu estudaba alí, o ambiente musical era moi bo. Creo que culturalmente é unha zona moi prolífica, en xeral, todo o norte. Sen ir mais lonxe, existen dous dos festivais de música mais grandes do mundo nas súas respectivas especialidades: o Festival do Mundo Celta de Ortigueira e o Resurrection Festival en Viveiro. Tamén existía o Festival da Canción do Landro, moi popular a nivel rexional, ou a Mostra Folclórica que reune a grupos de todo o mundo. E seguro que se me olvida algún que outro. Con todo este axetreo musical, é difícil pensar que non vaia sair xente preparada. Simplemente escoitando música pódese aprender moito.

A nivel docente, o Convervatorio de Música de Viveiro engloba a educación musical da meirande parte do norte de Galicia, e por unha cuestión de probabilidade, é obrigado que saia xente moi boa. Recordo que cando estudaba alí, porcentualmente era o conservatorio da provincia de Lugo do que mais alumnos saían para estudar o grado superior. É un dato moi significativo, tendo en conta que en Lugo capital hai un conservatorio moito mais grande. De todas formas, descoñezo se ese dato segue a ser igual hoxe en día.

maxresdefault.jpg

Que pegada deixan os diferentes centros educativos or onde pasache na túa formación?

Todos foron moi importantes, evidentemente. En Viveiro tiven a gran sorte de contar cun profesor como Delio Represas, que non só me ensinou a tocar a trompa, tamén me inculcou uns valores que aínda hoxe en día están presentes na miña vida, e non só a nivel musical. Na Coruña tiven a inmensa sorte de contar cun grupo de compañeiros de especialidade dun nivel elevadísimo. A competencia, se é sana, é o mellor que pode ter un músico na súa etapa educativa. E neste caso, foi así, había moita competencia pero moito respecto ao mesmo tempo, e eso fíxonos medrar a todos moito. Tamén contei co apoio de Benjamín Iglesias, veciño de Viveiro, que foi o meu profesor en terceiro e cuarto e a quen lle debo moito.

En Madrid, na Escola Superior de Música Reina Sofía, tiven o privilexio de contar có que para min é o mellor equipo docente de trompa de España, e ata de Europa se me apuras. Radovan Vlatkovic e Rodolfo Epelde forman un tándem perfecto, todo aquel que pasa polas súas mans convírtese nun gran trompista se segue as a súas pautas. Digamos que a nivel técnico do instrumento, aquí foi donde adquirín o meu máximo nivel.

E por último, en Londres na Royal Academy of Music, contei coa axuda inestimable de Richard Watkins. Sempre digo que se non tivera coñecido a Richard, probablemente non tería traballo hoxe en día, polo menos como trompista. El foi quen me axudou no aspecto mental, quen me preparou para facer audicións. E desgraciadamente se non pasamos por unha audición e demostramos que valemos, nunca poderemos tocar nunha orquesta. 

Poderías identificar cal é o principal punto de inflexión da túa carreira, o momento en que crees que che vas a dedicar á música, á trompa en concreto.

Sen dúbida algunha, o día que entrei na Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia. Tiña 14 anos e aí souben que podía adicarme a esto. Mais adiante, cando me chamaron para o meu primeiro encontro, no que se tocaba a primeira sinfonía de Mahler, e vin o impresionante mundo que había nesta disciplina, souben que quería traballar nunha orquestra sinfónica. 

Cal é a clave para a formación dun instrumentista? Canto hai de talento , canto de intuición e canto de esforzo e de sorte

Para min, sen dúbida, un 90% de esforzo, e logo o 10% restante para o talento e a sorte. Sei que é un tópico, pero tamén sei que é certo, porque é o que experimentei e o que vexo na sociedade en xeral, non só para a formación como instrumentistas, se non para calquera outra disciplina de calquera ámbito. Se non hai esforzo, forza de vontade, afán de superación, orgullo…o talento é simplemente estéril, non vai servir de nada. Obviamente hai que ter talento, pero moito menos do que, polo xeral, a xente pensa. En canto á intuición, creo que é unha dote moi valiosa, pero non necesaria. Persoalmente creo que a maioría da xente pode conseguir todo o que se propoña, uns tardaremos mais e outros menos, e creo que a intuición é un factor clave para marcar os tempos, pero nunca decisivo para conseguir un obxectivo.

En canto á sorte, hai unha frase dun deportista que resume moi ben o que penso: “canto mais entreno, mais sorte teño”. Para min, poucas verdades hai tan certas. A sorte non se ten, búscase e atópase. Canto mais se entrena, mais se reduce a marxe de erro, e polo tanto, mais posibilidades existen de acertar.

Que lle recomendarías a un trompista que estea finalizando os seus estudos para poder dedicarse profesionalmente á música?

En relación co dito anteriormente, creo que o mais importante é o traballo, a constancia e a forza de vontade. Tendo estes pilares, os froitos chegarán algún día. O seguinte é porse obxectivos, a curto, medio e longo plazo e que cada un deses obxectivos nos leve ao seguinte dunha forma progresiva. Por exemplo, para un estudiante que vai rematar a carreira, un obxectivo a curto plazo pode ser acadar unha determinada nota no seu recital de fin de carreira, ou acadar unha plaza nunha orquestra xove. Unha vez que se cumpla eso, xa se deu un paso adiante e pódese ir a polo seguinte, por exemplo, participar en determinados concursos ou audicións para orquestras profesionais. E así sucesivamente. O importante non é conseguir todos eses obxectivos, senón o traballo feito para intentar conseguilos. É moi importante marcarse obxectivos realistas en cada momento, e non ser pretenciosos, trátase de saber que podemos conseguilo e non de crear unha frustración ao decatarnos de que non podemos.

Como ves o panorama actual para os mozos músicos en España? Explicanos por favor as dificultades ás que se enfronta a música no noso país

A verdade é que non é nada alentador, desgraciadamente. Como intérprete é moi difícil sobrevivir en España se non se ten un posto de traballo nunha orquestra profesional, o cal é complicado neste país debido á pouca oferta que hai. Aínda que nos últimos anos comezou unha rexeneración dalgúns planteis, como é o caso da OSG ou da BOS (Bilbao). Pero tamén temos o outro extremo, con orquestras que están reducindo o seu plantel por falta de presuposto, ou simplemente reducindo as nóminas dos traballadores ou o número de concertos por tempada.

A outra opción é adicarse por conta propia á interpretación, cun grupo de cámara ou como solista, o cal creo que aínda é moito mais difícil, por motivos económicos sobre todo, pero tamén porque para conseguir entrar nos circuitos de concertos con certa regularidade, sempre se precisa da axuda dunha axencia.

A parte positiva de todo esto, que sempre a hai, é que noutros países saben valorar o que temos aquí. Hoxe en día, a maioría dos músicos xoves que saen de España, están traballando en orquestras profesionais noutros países. Eu, de feito, comecei traballando en Estocolmo antes de chegar a Galicia. A oferta de traballo de países como Alemaña, Francia, Holanda ou os países escandinavos, é alta, e de moita calidade. É duro marchar, pero faise mais levadeiro cando sabes que valoran o teu traballo independentemente de que sexas doutro país.

Coméntanos brevemente como foi o teu ingreso na OSG. Que recomendaciones darías aos músicos que aspiran a entrar nunha orquesta desta categoría?a?

Como xa dixen, estaba traballando en Estocolmo antes de vir para a OSG. Sabía desde facía tempo que tiñan pensado sacar dúas plazas de trompa e polo tanto xa o tiña marcado como obxectivo. A proba foi a fináis de setembro así que puiden prepararme bastante ben durante o verán. En Estocolmo comecei a traballar en setembro e recordo que ía todos os días pola noite á sala de concertos para facer simulacros de audición. Ía pola noite porque así asegurábame que non houbera ninguén, e para poder estar tranquilo e concentrado. Cando chegou o día da proba, estaba tan preparado que a marxe de erro era mínima, tiña moita confianza. O resultado foi que acadei unha das dúas plazas, nunha proba moi dura, con tres roldas, a primeira delas con telón, e unha final na que tivemos que tocar ata tres veces porque o tribunal non o tiña claro. A sensación cando souben o resultado é indescriptible, significaba volver á casa, cerca da familia, e tocar na orquestra donde me eduquei, cos que noutro tempo foran os meus profesores. Un soño.

O único que podo recomendar, e sinto ser tan pesado,  é traballo, esforzo e forza de vontade, porque ao final é o que mais conta de todo. Calquera pode conseguilo, uns prepáranse mais e outros menos, esa é a única diferencia. 

NICOLAS GOMEZ NAVAL 1.jpg

Falando dos teus premios. Paréceche que son algo relevante na carreira dun músico?

Sinceramente, creo que os premios non son algo que teña especial importancia. Evidentemente son un recoñecemento ao traballo, e aportan algo de prestixio, pero en ningún caso son algo determinante. Hai grandísimos músicos que nunca competiron en concursos, e non por eso deixan de ser importantes. No meu caso, sempre foron un medio para conseguir un fin. Sempre me gustou competir e é un mundo que me encanta, no que me atopo cómodo. Desde pequeno, un dos meus soños foi poder participar dignamente no ARD de Munich, o que para min é o concurso mais destacable en Europa. Como sabía da dureza e dificultade do concurso, quixen prepararme ben, entón busquei outros concursos que puidese facer en Europa a modo de preparación. Fixen varios, con mellores e peores resultados, pero en cada un deles fun aprendendo e facéndoo mellor. E finalmente fun ao ARD, no que acadei a semifinal, e creo que conseguín o meu obxevtivo, que era tocar dignamente, aínda que sempre me quedarei coa intriga de saber que tería pasado se chegase á final. 

Qué tipos de música prefires e cales escoitas? Quen é o teu autor preferido?

Evidentemente, a música clásica é parte da miña vida, e é a que mais escoito. Pero tamén me gusta moito o jazz, o soul e o funck. En xeral, aprecio toda a música de calidade, e en todos os xéneros podemos atopar calidade, así que o abanico é moi amplio, non podería concretar en ningún estilo porque a verdade é que me gustan moitos.

Autores?…en canto á música clásica, moitos…imposible definir, dada a gran variedade de estilos e épocas que son incomparables. Se tivera que dicir un, diría Mahler, pero é moi relativo. En canto a outras músicas, calquera dos “grandes”: Queen, Michael Jackson, Paquito de Rivera, Deep Purple, ACDC, Metallica, Iron Maiden, Tower of Power…e un larguísimo etc. Gústame a calidade, sexa o estilo que sexa.

Fálanos dos teus plans de futuro, dos próximos proxectos que teñas en mente.

O que mais preto teño é o concerto xunto co meu compañeiro David Bushnell, no que tocaremos de solistas coa OSG un concerto de Rossetti para dúas trompas e orquestra. Despois, nada especial, seguirei coa miña rutina de traballo coa orquestra, coa cal temos unha pequena xira por España a fináis de maio. Durante o verán, como veño facendo dende o ano pasado, quero descansar e non tocar moito, xa que creo que o labio precisa un respiro despois de toda a temporada tocando. A fináis de agosto, estarei de profesor no festival de música Bal y Gay en Nois (Foz), co que veño colaborando nos últimos anos. Polo momento, non teño nada mais no horizonte.

Como plan de futuro, moi a largo plazo, quero mercar unha casa e irme vivir ao campo coa miña parella, ese é o meu gran obxectivo.

Que obra ou que música (con trompa ou sen ela) gustaríache realizar no futuro que non fagas xa?

A verdade é que gustaríame moito facer jazz a un nivel alto, porque me gusta moito e realmente disfruto escoitándoo, pero o meu descoñecemento da materia é tan grande, que o vexo un pouco utópico agora mesmo. Pero nun futuro, coa preparación e o estudio necesarios, quen sabe…

Moitas grazas pola túa colaboración e esperamos verche pronto polo noso centro

Moitas gracias a vós, foi un placer para min.

Anuncios