O outro lado da música, a poesía.

Xurxo Souto é unha personalidade máis que coñecida na nosa terra pola súa numerosa labor cultural e profesional no eido da música, a escritura, o teatro, a radio… un auténtico polifacético. Como coruñés e músico, hoxe vai falarnos doutra personalidade moi importante na cidade da Coruña e no país en xeral que, porén, parece estar un pouco oculta na actualidade: Luísa Villalta.

A Lingua dos sons, A música e Nós, Concerto para un home só, Música reservada… son moitos os títulos en que os termos musicais están presentes na obra de Luísa Villalta. Como cres que afectou a súa faceta como violinista á hora de crear a súa obra poética?

Foi dun xeito absolutamente esencial porque ela entendía a música e a poesía como a mesma obra creativa. Se acodes aos seus versos ves que sempre están cheos de recursos musicais, recursos rítmicos, aliteracións… Nese sentido, a poesía de Luísa Villalta é absolutamente diferente e absolutamente revolucionaria porque a poesía é sempre música pero ela era consciente de que era música.

Na súa obra, Villalta ten moi presente a cidade en que naceu, especialmente no libro En concreto. Cres que nacer nesta cidade foi punto clave para a súa creación?

Si, foi definitivo porque ela pertence a unha xeración, a primeira xeración de transición despois do final da ditadura, que quería romper co pasado; non estaban de acordo co mundo que viviran seus pais, o mundo de ditadura, e querían buscar novos mundos. E ela buscou novos mundos; especialmente deuse de conta de que onde se realizaba plenamente era aquí, na Coruña. Esta cidade é especial porque vivimos dunha forma moi activa a amizade, vivimos nas rúas pero ao mesmo tempo convivimos con grandes magnitudes, convivimos con todo o universo, con todo o vento, con todo o océano; unha cidade que é unha pedra chantada no Atlántico… Iso é normal que afecte a unha artista dunha forma radical.

Que foi o que a levou a abandonar a música profesionalmente para dedicarse máis á poesía?

Non o sei, a verdade. Dedicouse máis á literatura e á poesía en concreto, e ademais foi profesora de ensino secundario, profesora de galego. Non o sei, supoño que para iso hai que coñecer o seu contexto vital. As exixencias musicais eran moi potentes, estaban no principio dunha aventura moi intensa como foi a Xoven Orquestra de Galicia… pero tamén estaba nun territorio moi intenso: estaba diante dunhas oposicións. En todo caso, penso que ela nunca deixou a música, nunca deixou de tocar o violín e toda a súa obra poética é música.

3097-131280-a-luisa Villalta.jpg

Como coruñés que es e como persoa comprometida co idioma, consideras a Luísa Villalta unha boa candidata para dedicármoslle o Día das nosas letras?

Por suposto. É que en Luísa está todo. Penso que as Letras Galegas teñen como principal argumento achegármonos a autores e autoras pouco divulgados, e a obra de Luísa é unha obra que debe ser coñecida non só no contexto coruñés senón en toda Galiza e, diría máis, en todas as literaturas do mundo.

 Poesía é un ruído provocado, un rito de resistencia

A propósito do Día das Letras, que nos podes dicir de Victoria Moreno, literata entregada á lectura dos máis cativos e á que se lle dedican este ano as Letras Galegas?

Pois é precisamente o que acabo de comentar: era unha autora que practicamente descoñecía e que grazas a este evento estou descubrindo. É un modelo moi fermoso o como unha persoa que procede doutra xeografía decide implicarse na cultura e na lingua deste país até crear unha obra realmente interesantísima.

Gardas preferencia por algún escritor ou escritora en particular (galego ou doutro país) e por algún xénero en concreto ou es máis dos que len o que lles caia nas mans?

Teño moitas preferencias literarias e por diferentes motivos. Evidentemente, primeiro por Luisa Villalta porque, alén da súa obra marabillosa, tiven a sorte de a coñecer e ter un vencello moi próximo con ela, moi emocional. Tiven a sorte de presentar o seu libro En concreto. Coincidiu coa súa morte; ela morrera pero deixara escrito que quería que se fixese a súa presentación na Feira do Libro no centro da Coruña.

Logo tamén podo reivindicar como outro grande mestre a Manuel María, outro gran poeta en que a música está presente na súa obra. Tivemos a sorte de que elixise a Coruña para vivir porque el naceu en Outeiro, e é moi fermoso que honres o lugar onde naces mais é moito máis fermoso que elixas un lugar para amar a túa vida. Creo que esas son as miñas maiores referencias: Luísa Villalta e Manuel María.

thumb_600_Luisa Villalta_foto 11.jpg

Vistos a actualidade da nosa lingua e os resultados dos recentes estudos que corroboran un descenso brutal do número de falantes en galego, cres nun futuro de renovación e mellora para a lingua?

Si, efectivamente si, porque é curioso: a xente que menos fala o galego é a xente nova e, ao mesmo tempo, é a xente que máis valora o galego. Non creo que sexa un problema de xente nova, supoño que non falará máis galego porque ese mundo de adultos creou un contexto en que non é nada fácil avanzar no galego. Entón, na medida en que a xente nova vaia conquistando poder e presenzas no eido social, estou seguro de que van darlle máis pulo á nosa lingua. En todo caso, o futuro está en nós, na medida en que sexamos persoas creativas e que creemos excelencia en lingua galega.

E xa tirando un pouco máis cara o eido musical, como consideras que está o panorama musical actualmente na Galiza?

Extraordinario. Somos un pobo de artistas, a creatividade é infinita e, á parte diso, temos a sorte de ter unha música propia, unha lingua propia, unha forma de expresarnos diferente… entón a calidade é marabillosa. Outra cousa é o desleixo absoluto que define a música galega nos medios de comunicación, nomeadamente nos medios de comunicación pública (na radio, na televisión galega…) que foron creados para iso. Mais, por exemplo, temos unha artista chamada Mercedes Peón que fai pouco tocou en Nova Zelanda e triunfa nos festivais de ultramodernidade de Dinamarca. É espectacular, é marabilloso. Hai algo que nunca se comenta e é que os artistas galegos internacionais son os artistas que cantan en galego e sempre nos dixeron o contrario: non cantes en galego porque non tes futuro. Pois aí está esa presenza.

Como músico vinculámoste a diferentes estilos musicais, mais tes preferencia ou sénteste máis cómodo nalgún en concreto?

A min a palabra músico quédame moi grande. Digamos que teño esa labor de animación no berro punky que foron os Diplomáticos de Montealto no seu tempo; pero, precisamente como eu sei as miñas limitacións como instrumentista, declaro o meu amor a todos os xéneros musicais e sobre todo nunha cidade como A Coruña onde ese diálogo entre os diferentes xéneros musicais está moi vivo, é envexable. Por exemplo escoitamos a Richi, que cantou a melodía de súa avoa, música de regueira profunda e que, ao mesmo tempo, é un mestre no eido do jazz.

Se es capaz de elixir, que grupos ou tipo de música che chaman máis a día de hoxe?

Na música galega hai grandísimos instrumentistas e grandísimos talentos pero houbo un par de artistas que crearon unha estética nova. Unha é Mercedes, utilizando a ornamentación e a forma de cantar da xente maior crea un mundo novo; non recrea esas cancións senón que crea un discurso novo dunha maneira do século XXI. Outro gran artista, que desgraciadamente morreu hai pouco e que tamén creou unha estética nova, unha música atlántica mais atlántica do sul, foi Fran Pérez, Narf. Puxo en relación a música galega coa música africana e iso foi realmente grandioso. Síntome moi unido e son un gran admirador da música de Fran.

Xa para rematar, cóntanos un pouco sobre ti. Cales son os teus proxectos neste e nos próximos anos?

O meu proxecto máximo é seguir dialogando co planeta Terra neste país que se chama Galiza. Fago nos diferentes eidos o que podo. Agora mesmo estou a piques de quitar unha novela, no mes de outubro; unha novela que fala de música, que fala das mulleres e que fala do mar. E logo estou involucrado nun proxecto moi fermoso, no que tamén participa Richi Casás entre outros, e que se chama Proxecto Shanghai; é un proxecto musical que fala dos vencellos que temos con Barcelona dende hai 20 anos e dos que case nunca se sabe nesta parte do mundo. Niso andamos.

Obrigada, Xurxo!

Entrevista realizada a Xurxo Souto por Uxía G. Conde

Anuncios