Neste artigo comezaremos por definir os termos de microtonalismo, a afinación xusta ou pura e o microtonalismo temperado, con cadanseus exemplos. Posteriormente, falaremos dos instrumentos microtonais centrándonos na figura de Harry Partch e para rematar, incluiremos algúns autores e obras de referencia desta corrente.

BASE TEÓRICA

Chamamos microtonalismo ao sistema musical baseado en intervalos máis pequenos ca o semitono. A antiga Grecia deixou  fragmentos da súa música con intervalos microtonais. Pero non foi ata o século XVI ,cando Nicola Vicentino tivo a idea de retomar o sistema grego e traballou nun teclado de 36 notas por octava. Máis tarde, no século XVII, Huygens propuxo a división de octava en 31 partes.

Porén, non podemos falar de microtonalismo sen antes explicitar a afinación xusta ou pura. Cando escoitamos un son producido por un instrumento musical en realidade estamos oíndo  unha multiplicidade de sons que conforman a chamada serie harmónica. Cada unha destas sonoridades individualmente é coñecida como harmónico. En función da proporción de harmónicos obtéñense os diferentes timbres dos instrumentos. Derivada desta serie obtemos a afinación xusta ou pura,  é dicir, o sistema de entonación baseado na serie harmónica. Nesta serie tódalas notas emerxen a raíz da nota fundamental, polo que, non só os intervalos consonantes soarán afinados, senón que calquera son se reforzará con outro lográndose un efecto de pureza inigualable.

Por outra banda atópase o microtonalismo temperado, o cal se basea en fundamentos matemáticos creados polo ser humano, sen seguir ningunha teoría física ou da natureza, a diferenza da afinación xusta. Un exemplo é o sistema temperado de 12 sons. As escalas microtonais temperadas son creadas mediante a división da oitava en partes iguais. De non poderse conseguir a afinación pura, a división da oitava en máis de 12 sons permitía achegarse o máximo posible a este tipo de afinación.

Como exemplo de escalas microtonais creadas atopamos:

  • Escala de 43 tonos (Harry Partch): Escala de entonación xusta con 43 tonos en cada octava. Usa relacións interválicas baseadas na serie de harmónicos e a afinación pitagórica.
  • Escala de cuartos de tono (Mikha’il Mishaqah)
  • Escala Bohlen-Pierce (Bohlen Pierce): Consiste na división dunha 22ava (3 oitavas) en 13 sons separados equitativamente.
  • Escala de 31 tonos (Hyugens): Consiste na divisón da octava en 31 partes iguais.

INSTRUMENTOS MICROTONAIS

Extraendo as culturas orientais, existen escasos instrumentos microtonais anteriores ao xurdimento do experimentalismo do século XX. No entanto, cómpre destacar que en 1555, Nicola Vicentino xa deu vida a un deles: o archicémbalo.

O archicémbalo consiste nun clavicémbalo construído con teclas e cordas extra, adaptado aos estudos microtonais e ao sistema temperado do compositor. O teclado está constituído segundo a usual disposición de teclas negras e brancas, pero cada tecla negra atópase, frecuentemente, dividida en dúas partes. En total, cada unha das oitavas dispón de ata 36 tonos diferentes.

O século XX caracterízase por unha época de experimentalismo e de fluctuación de correntes heteroxéneas. É aquí onde numerosos compositores  pretenden innovar co abandono do sistema temperado e inventan novos tipos de escalas baseadas en intervalos máis pequenos ca o semitono. Entre estes autores destacamos a  Harry Partch, compositor norteamericano, que estando insatisfeito cos sons da escala cromática común, foi un dos primeiros en usar sistematicamente a escala microtonal. Así mesmo, escribiu a maioría das obras para instrumentos que el adaptou ou construíu, contratando intérpretes axeitados a eles. A continuación descríbense algúns dos instrumentos confeccionados por Partch nos dous bloques anteriormente citados:

INSTRUMENTOS ADAPTADOS

  • Viola adaptada

Adaptación da viola común, mediante un alongamento  do diapasón e cambiando a forma de tocala (similar a un violoncello). Non posúe trastes, pero aparecen debuxados puntos de cores para obter a referencia dos tonos da escala, neste caso, a de 43 tonos.

  • Guitarra adaptada

A forma de interpretar calquera das guitarras de Partch consiste en apoiar o instrumento  encima das pernas (estando sentado), e puntear as cordas coa man dereita. Coa man esquerda dispoñerase dun ‘slide’, un cilindro metálico colocado no mástil  que permitirá determinar con concreción a altura desexada. Como referencia teremos unhas marcas de cores no mástil que indican a afinación empregada.

  • Cromelodeón (Cromelodeón I)

Partch ideou diversos modelos de “cromelodeóns”. Concretamente, o “cromelodeón I” consiste nun armonio adaptado que posúe unha escala de 43 sons por oitava.  Inclúe un teclado adicional denominado “subbass” e situado na parte superior esquerda e que permite tocar os sons máis graves.

INSTRUMENTOS INVENTADOS

  • Diamond Marimba.

É un dos seus instrumentos máis importantes, pois constitúe  a representación material dun dos seus maiores conceptos físico-teóricos: a ‘Tonalidade Diamante’.

instrumento está formado por un marco onde se  dispoñen en filas láminas de madeira paralelas ao chan formando un rombo. Debaixo das placas atópanse os tubos resonadores.  Máis tarde xurdiría unha variante desta particular marimba: o Quadrangularis Reversum, engadíndolle dúas filas de láminas nos laterais.

  • Boo I

Bamboo Marimba, ou comúnmente coñecido como Boo I, consta de  segmentos de bamboo  colocados en filas e repousados en táboas de madeira.

  • Cloud Chamber Bowls

Idiófono de percusión golpeado que consiste en 14 vasixas de cristal colgadas nun marco de madeira segundo a súa altura: as máis agudas sitúanse na parte máis alta.

  • Cánon Harmónico II

Trátase dun instrumento formado por 2 cítaras de táboa con 44 cordas cada unha cun sistema de pontes móbiles que se sitúan entre as cordas variando a súa posición en función da composición interpretada.

A maiores dos instrumentos descritos poderíamos destacar outros tamén creados por Partch como a Mazda Marimba, o Gourd Tree ,o Bloboy…

Finalmente, podemos mencionar algúns outros instrumentos microtonais fóra da creación de Partch, como por exemplo as trompetas e trompa microtonais, instrumentos de vento metal comúns aos que se lle engadiron unha chave capaz de baixar o instrumento  un cuarto de tono; o clarinete Bolhen-Pierce, construido co fin de interpretar unha escala de 13 sons (escala Bohlen-Pierce); ou incluso, os electrófonos electromagnéticos que apareceron nos anos 50, usados comúnmente no experimentalismo: o theremin e as ondas Martenot.

AUTORES E OBRAS

É interesante coñecer que a primeira composición na que aparecen intervalos microtonais consiste nunha peza para frauta e baixo continuo  escrita por Charles Delusse en 1760: Air á la grecque. Trátase dunha reminiscencia da música grega e do uso dos cuartos de tono.

Como compositores microtonais do século XX podemos distinguir a Alois Haba, compositor checo (1893-1973) que realizou a Sonata para piano en Cuartos de tono op.62. (https://www.youtube.com/watch?v=FDs7ve1uGbg).

Ligeti,  compositor natural de Hungría tamén compuxo unha obra interpretada por  12 instrumentos de corda separados en 2 grupos e afinados a distancia de cuarto de tono: Ramifications. Por último, mencionaremos Balbuceos, de  Julián Carrillo, obra para piano metamorfoseado e orquestra, composto en 1960.

Por outra banda,  outros compositores dedicaron parte ou a totalidade da súa carreira musical en experimentar  sobre sistemas de afinación fóra do temperado: Charles Ives, Valeri Brainin, Walter Mack ou Francisco Guerrero.

Nembargantes, a verdadeira cuestión recaía sobre o seguinte. Harry Partch argumentaba que ao longo da historia, toda evolución da harmonía se rexiu en función da serie de harmónicos. Se ben inicialmente na Idade Media só se empregaban quintas xustas (harmónico 3) e máis adiante se comezaron a incorporar as terceiras maiores (harmónico 5) e sétimas dominante (7), defendía que se debería continuar cara a harmónicos máis lonxanos da fundamental, o que daría lugar a intervalos menores ca o semitono e desmontaría o sistema dodecafónico actual. Por iso, invítovos a reflexionar: sería lexítimo o  microtonalismo para  a evolución da música a un nivel superior?

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

-García, A. (22/05/11). Aula musical de Adriana [blogue]. Recuperado de: https://aulamusicaldeadriana.blogspot.com.es/search?q=instrumentos+microtonales

-Partch, H. (1977). Genesis Of A Music. New York: Da Capo Press.

-Lafuente, H. (s.f.). Microtonalismo. Recuperado de:https://www.apocatastasis.com/microtonalismo-afinaciones-alternativas.php

 

 

Anuncios