O sistema educativo actual segue ancorado nesa anticuada lóxica do século XX, na cal o obxectivo de todo sistema educativo era moldear ós individuos para entrar a formar parte da colosal masa obreira que as fábricas necesitaba: tan só é necesario fixarse en como é a disposición das aulas nos diferentes centros para ver que son idénticos ó que te podes atopar en calquera gran fábrica do século pasado.

A prioridade nestes casos é manter unha xerarquía moi ríxida (xefe/profesor ó que se lle debe obediencia cega) e aniquilar a individualidade (mesas dispostas de forma xeométrica, nalgúns centros uniforme obrigatorio, programacións ríxidas que non atenden á diversidade, etc.). Ten lóxica que o sistema educativo premie ó alumno submiso, obediente, menos creativo e inquieto, cunha maior flexibilidade para seguir ordes e lograr obxectivos cuantificables estipulados por outras persoas. É dicir, un peón ideal para unha fábrica onde o traballo é repetitivo, predicible e só importa a produtividade.

¿Ten lóxica este modelo produtivo-industrial nun Conservatorio de Música? Probablemente non, pero na actualidade segue sendo o modelo predominante e fonte de moitas frustracións entre o alumnado: coñecelo en profundidade serve para protexerse deses posibles desencantos.

Evidentemente, cada músico é distinto. Uns teñen unha capacidade incríbel para adquirir coñecementos, outros teñen unha capacidade de lectura marabillosa, outros carecen de certos recursos técnicos pero teñen unha creatividade que compensa con creces as súas carencias. Así que o feito de que logres sacar boas notas ou non vai a depender nun certo porcentaxe do teu esforzo e noutro (mais grande do que pensas) simplemente en que teñas a sorte de que as túas virtudes como músico coincidan maxicamente co que a programación didáctica agarda de ti.

Eu sentín esa frustración ó longo dos meus estudios, e o exemplo mais claro foi o meu Concerto de Fin de Estudos. É certo que dende un punto de vista técnico, case todo saíu mal, houbo problemas con amplificadores, o son non era o mellor e a miña interpretación non foi a máis brillante. A pesar de todo, o público asistente saiu do concerto extasiado, iluminado, cunha gratitude fora do normal. Cheguei a escoitar de compañeiros que “había un antes e un despois” tras ese concerto no Conservatorio. A nota que recibín do tribunal foi un 6,2. Nota inxusta? Non, o tribunal fixo o teu traballo, que era valorar o meu traballo baseado no que a programación estipula como válido.

Para os meus estándares, ou para calquera músico que pense en vivir da interpretación, ter un 6,2 no seu Concerto de Fin de Estudios e pouco menos que unha catástrofe. Nunha profesión tan esixente e difícil como esta, estar por debaixo da excelencia é sinónimo de fracaso case seguro. Agora ben, por que o público saíu fascinado do concerto a pesares de esa baixa calificación? Moi sinxelo: o público está valorando aspectos musicais que non se contemplan nas programacións. O público valora a capacidade de pensar un concerto no seu conxunto, unha obra coherente. O público valora a capacidade de comunicar, a linguaxe non-verbal, o coidado dos detalles. O público ama a personalidade e o coraxe necesario para ser orixinal e valente. Tamén aman a capacidade de liderazgo, a sensación de que estás baixo control de todo o que sucede, que tes algo que aportar e que estás a cargo dunha misión moito mais grande que a de aprobar un exame. E quizais, o aspecto mais importante, o público é un ente predominantemente emocional, mentres que unha programación é un ente puramente racional.

Hoxe, mentres escribo estas liñas, estou traballando para conseguir formar parte do proxecto dos meus soños, nunha banda incríbel cunhas condicións laborais absolutamente fascinantes. Teño unha probabilidade entre un billón de logralo, pero eso non é o importante. O importante é que teño a confianza suficiente como para poñerme a traballar en tódalas cousas necesarias para conseguilo. Unha cousa é segura; se asumise que ese 6,2 é un reflexo real de toda a miña valía como músico, nunca me atrevería a aspirar a un traballo de esa envergadura: O significado dunha nota ou dunha carreira académica non é absoluto, depende exclusivamente da interpretación que fagamos dela.

A miña opinión, que tan só e outra opinión mais, é que hoxe en día un Conservatorio fai unha cousa moi ben e fai outras regular. Se o teu soño é ser opositor e traballar nun futuro nun Conservatorio, noraboa, eso é o que fai realmente ben: formar a futuros opositores. Agora ben, se queres adicarte ó mundo da interpretación sinto dicirche que vas a ter que poñer moitísimo máis da túa parte. O Conservatorio suponse que tería que ser un simulacro do que te vas a atopar como profesional no mundo real, e o que sucede é que ese simulacro consiste en traballar simultaneamente en 9-13 proxectos/bolos (asignaturas) durante 9 meses sen parar para 9-13 xefes (profesores) que te van a esixir exactamente o mesmo que si só tiveses ese traballo (asignatura). Dende logo, é un simulacro pouco realista e nunca vai a ser un reflexo verídico de como será a túa vida laboral cando remates a carreira.

Entón é todo negativo? En absoluto! Vas a ter a posibilidade de aprender de grandes músicos e docentes (a maioría son excelentes baixo o meu punto de vista), vas a contar con entusiasmo dunha directiva implicada e con ganas de mellorar as cousas (novamente é a miña opinión) e vas a adquirir ferramentas e coñecementos moi valiosos. A cambio vas a ter que aprender a lidar con frustracións e decepcións constantes ó longo do camiño.

Pensa que Ornette Coleman, Jimi Hendrix ou Thelonious Monk pasaríano realmente mal para sacar adiante a carreira e cumplir co que, segundo a programación didáctica, significa ser un bo músico.

E pesares deso, lograron cambiar a historia da música. Ánimo!

 

Anuncios