No pasado mes de outubro o porto de Vigo puido ollar de perto a volta a casa de quen nunca debía ter marchado: o Pergamiño Vindel, os pregos copia (posiblemente do s.XIII ou comezos do XIV) das sete cantigas orixinais de amigo escritas por Martín Códax (1240? – 1270?); co gallo dunha mostra con vontade de reunir unha boa colección de pezas da Idade Media, comisariada por Francisco Singul e visitable ata marzo do vindeiro ano no Museo do Mar da cidade olívica.

Único testemuño da lírica galego-portuguesa dos trovadores da zona das Rías Baixas (coma Xohán de Cangas, Meendinho, Pero Meogo, etc. dos que soamente temos hoxe textos sen musicar), o manuscrito galego constitúe, xunto co Pergamiño Sharrer¹ e as Cantigas de Sta. María, a única mostra existente escrita da olvidada tradición de notación e lírica musical medieval do noso país. Toda unha peza clave para comprender a lírica galego-portuguesa que faría da nosa lingua, no medievo, a máis bela canle de expresión artística para os reis peninsulares.

Ondas do mar de Vigo / se vistes meu amigo? / e ai Deus, se verrá cedo?

Ondas do mar levado / se vistes meu amado? / e ai Deus, se verrá cedo?

Se vistes meu amigo / o por que eu sospiro? / e ai Deus, se verrá cedo?

Se vistes meu amado / por que ei gran coidado? / e ai Deus, se verrá cedo?          

(1ª Cantiga, Martín Códax)

Alén do valor intrínseco do documento como obvio vehículo de transmisión escrita, el é clave para o estudo da musicoloxía antiga por clarificar hipóteses certamente turbias sobre a música medieval galega; e é que, sendo as únicas referencias ao mesmo Códax pertencentes a fontes soamente escritas², existía unha crenza nas teorías sobor da historia da música de que as fórmulas de recitación dos poemas viñan de esquemas ou liñas gregorianas xa asentadas no maxín popular. Este documento reflicte a orixinalidade do xenio medieval na «arte de trovar» dos nosos creadores e constata a, seguramente perdida, difusión da arte por medio de follas voantes que eran copiadas por autores e mesmo xoglares con coñecemento da notación.

A peza retrata o amor feudal coma un acto de vasallaxe do poeta cara unha «mia senhor» idealizada. Unha paixón vital que fragua en diferentes estadios posibles, a saber: fenhedor, na procura do amor; precador, o rogo secreto á dona ás costas da súa vida pública; ou entendedor e drut, menos frecuentes, nas que se alcanza a aceptación do amor ou a consumación do mesmo. A característica do xénero de amigo recae no gardar a muller a posición activa coma suxeito lírico no mesmo. Da boca da namorada, en forma de sete cantigas de amigo³, descríbese o mal da ausencia do «amigo» amado, lonxe e sobor dunha paisaxe que evoca as das Rías Baixas e mailo mar e as súas ondas como símbolo da feminidade. Sen semellanza con ningún dos xéneros provenzais do momento, a particularidade da voz feminina é relacionada por moitos investigadores coas jarchas mozárabes.

Os pregos foran descubertos fortuítamente en 1914 polo arquiveiro español, Pedro Vindel, protagonista da filme El manuscrito Vindel (2016), producida, asemade, polos bisneto e tataraneto de quen dá nome a tan importante achega. Seguindo estúpidas tradicións decimonónicas, moitos vellos pergamiños eran usados pola resistencia da pel, para cubrir e protexer outros exemplares valiosos; coma neste caso do Pergamiño Vindel, unha copia do De Officiis de Cicerón, un volume do s. XIV con encadernación do XVIII.

Sexa como fora, o libreiro con quen se rematou por vender a reliquia foi o diplomático Rafael Mitjana, quen a retivo na súa casa sueca en Upsala ata a venda da mesma polos seus herdeiros. Do documento pouco se sabe ata que recaeu en mans do coleccionista Otto Haas e foi vendido á Pierpont Morgan en Londres en 1977. Dende entón, a obra mestra da nosa lírica medieval xace nun edificio deses brancos e con columnas frixias no centro de Nova York ao lado de outras «… grandes construcciones de la cultura humana (…) como algunas partituras originales de Mozart o la primera biblia de Gutemberg.», segundo afirma Román Rodríguez, o noso actual conselleiro de cultura, nun periódico local. Supoño que roubaren a media Europa restará importancia ao asunto: «Mal de muitos consuelo de tontos», di a miña avoa.

Igualmente, a oportunidade de ollar de perto as vellas tipografías medievais e deixarnos abraiar polas belas cores das súas miniaturas é innegable e acaba por nos amosar a existencia dun legado musical propio e auténticamente noso, aínda cando este se consideraba olvidado ou completamente esquecido. Só por iso, é bo ter o Códax na casa. A mostra desta obra mestra de regreso permanecerá aínda catro meses en Galicia e completarase cun programa de actos que inclúe o simposio internacional “E irei, madr´a Vigo” organizado polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo, concertos e máis ciclos de conferencias.

O Porto, 11 de novembro de 2017.

1 O Pergamiño Sharrer (Torre do Tombo, Lisboa), contén outras sete pezas escritas polo rei Don Dinis (1261-1325) de Portugal, mentres que as Cantigas deSta María constitúe un ciclo completo de cantigas relixiosas escritas polo rei Afonso X (1221-1284) de Castela.

2 Como son, por exemplo o cancioneiro de Ajuda, con dúas das súas cantigas de amor, así coma o mesmo cancioneiro Colocci-Brancucci, e mailo da Biblioteca Vaticana.

3 Ondas do mar do Vigo | Mandad’ei comigo ca ven meu amigo | Mia yrmana fremosa treides comigo | Ay Deus se sab’ora meu amado | Quantas sabedes amar amigo | Ay ondas que eu vin veer | En o sagrad’ e Vigo, a última delas, a pesares de contar cun pentagrama xa grafiado, carece da notación musical.

Anuncios