Tradicionalmente, o ensino especializado de música visou a formación de instrumentistas, profesores ou compositores de excelencia, no marco asumido de tales escolas seren espazos de formación e desenvolvemento da persoa e da comunidade e non de produción para o mercado.

Neste sentido, a creación dos Conservatorios como Institucións de ensino respondeu a procesos de reorganización das competencias do Estado Moderno, que podía admitir (porén de maneira marxinal) o cultivo do inútil como contraposto ao traballo produtivo. De feito, a individualización de diferentes disciplinas humanísticas a finais do XIX (Socioloxía, Antropoloxía, Musicoloxía, entre outras) comezou por ser unha aposta de eruditos sen interese na articulación produtiva das súas ideas; saber e facer, neste momento, eran dúas esferas separadas.

Esta situación transformouse na secuencia de tránsito entre un modelo de Economía Industrial e outro de Economía Financeira e de Servizos, que fixo entrar no vocabulario das Ciencias Humanas os termos de productividade, eficiencia, competitividade e estratexia. Nos últimos decenios, o equilibrio entre egresados das Institucións de Ensino e oportunidades de emprego sufriu fortes alteracións que conduciron a unha situación-límite, caracterizada pola sobreabundancia de instrumentistas e titulados e a ausencia de estruturas de emprego adecuadas, máxime no contexto dunha feble Admininistración Cultural e de restricións (societarias, fiscais, de mercado) que operan contra a iniciativa particular no eido da Cultura. Neste sentido, os procesos e estratexias de Política Cultural que foron encetados por diversos gobernos e sociedades europeas -e que eran particularmente intensivos en xeración e redistribución de emprego- tenderon a enfraquecer e debilitarse nun proceso da redución de espazos significativos para un Democracia Cultural auténtica.

Porén, esta situación que alerta contra a involución, a inercia e a falta de innovación na cultura, non obsta –ou talvez, incentiva- a unha nova vivencia comunitaria, que está sendo revitalizada pola confluencia de tendencias alternativas, sensibles ás novas condicións de tipo económico e social. En concreto, os proxectos máis interesantes son aqueles que defenden a nobre aspiración de facer da Cultura un marco e motor para o Desenvolvemento Humano, con especial destaque para a dimensión simbólica dos bens e descartando unha concepción utilitarista e instrumental, que ten vigorado ata ben entrado o século XIX. A idea sería colocar a Cultura –no seu sentido máis plural e abranguente- no cerne das prácticas cotiás e colectivas de coñecemento e recoñecemento do propio e do diverso, tan necesarias nas sociedades actuais.

Isto implicaría a formación de profesionais dotados de habilidades e competencias específicas, como defenden Pau Rausell e Ferrán Mascarell, entre outros. Nunha entrevista recente, Alfons Martinell, un dos principais teóricos da Xestión Cultural, expresouno desta maneira:

O obxectivo seria aproveitar o potencial que ten a cultura para o desenvolvemento da sociedade. O xestor cultural non é só un administrador público, ainda que poida estar no público, senon unha figura profesional capaz de dinamizar a vida cultural das nosas sociedades. De certa forma, as sociedades modernas requiren de proxectos culturais en contacto con problemas da comunidade como son os de recuperación da identidade, convivencia multicultural ou emerxencia de novas linguaxes expresivas. E, con frecuencia, as institucións culturas son pouco flexible se non conectan con esta vida cultural contemporánea

A pregunta sería como lograr que as Institucións de Ensino Musical conecten con esta nova realidade de forma leal e íntegra. No que toca ao deseño global do Ensino da música, espera ainda por unha remodelación que reparta equitativamente a responsabilidade de formación desde os niveis iniciais aos superiores, fortalecendo a vinculación internacional, a formación continuada e os procesos de perfeccionamento docente e administrativo. Parece necesario intervir nos procesos selectivos e no sistema de contratación de profesorado das Entidades Locais e das Escolas Municipais e sobre todo modificar o Plano de Estudos para asegurar carga horaria e deste xeito dignificar os salarios de todo o profesorado –en Galicia, continúa vixente a Orde de 1992 sobre funcionamento das Escolas de Música, que as confina a unha existencia perfectamente anodina e precaria.

Captura de pantalla 2017-11-12 a las 1.46.38

                                       Xavier Fernández 

Outros sectores que teñen aumentado o seu impacto como potenciais espazos de emprego (industria fonográfica, editorial, de crítica musical) con frecuencia non lograr reter o persoal nin asegurar salarios e condicións dignas. No ano 2010 foi regulada a incorporación de tres novas especialidades nas chamadas Ensinanzas Artísticas Superiores, entre elas a de Produción e Xestión de Música e Artes Escénicas, mediante Real Decreto 631/2010, que xustifica:

A creación da especialidade de Produción e Xestión responde á existencia dunha demanda social crecente de profesionais formados para xestion dos distintos ámbitos culturais, entre eles os centros e documentación musical, centros para a difusión da música, fundacións, empresas editoras, xerencia de teatros e espectáculos, etc. Os graduados en Produción e Xestión deberán adquirir competencias alargadas en patrimonio musical, medios de comunicación, difusión cara a ámbitos non especialistas, pensamento estético e integración do panorama actual na cultura, ben como en discográficas e editoras R.D. 631/2010, de 14 de maio)

Neste novo contexto, proliferan as posibilidades de formación para estas novas competencias e encargos, tanto a nivel universitario como non formal. Actualmente no Estado hai polo menos tres Conservatorios Superiores que ofrecen Xestión Cultural no seu no mapa de titulacións de grao superior (Superior de Xaén, Esmuc de Barcelona e Superior de Vigo). Tamén en varias Universidades se poden estudar Graos de Produción e Xestión, entre elas a de Córdoba e Huelva. Recentemente, foi proposta a introdución na USC dun novo Grao nesta temática, procedendo á reorganización dos estudios de Humanidades no campus de Lugo. Tamén en Galicia están activos un Master en Servizos Culturais e un Posgrao en Xestión, ambos os dous na USC.

Os grandes interrogantes formulados polas distintas tendencias da Escola crítica seguen vixentes mais que nunca. Corresponde iniciar amplos procesos de consenso comunitario acerca da misión e potencialidade da Cultura e da Arte, das competencias das Institucións de Ensino e da responsabilidade dos órganos administrativos e docentes. Producir e distribuir valor (humano, formativo, simbólico) con equidade e imaxinación é o grande desafío do noso tempo.

 

Anuncios